6 nov 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

  URODELOS ( ANFIBIOS CON COLA)

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro


Píntega
Salamandra salamandra
Salamandra común.


  
 Especie: De actividade nocturna. inconfundible pola súa coloración de cor negro brillante e amarelo,moi chamativo.
De aspecto robusto, con cola curta e de sección redondeada.
Hábitat: Pode aparecer en calquera tipo de hábitat, pero é mais abondosa en fragas sombrías e húmidas, atopase máis cómoda 
 entre a follaxe durante o día, escóndese tamén baixo pedras e troncos, saíndo pola noite á procura de pequenos invertebrados para alimentarse.
Non se afasta moito dos cursos de auga pero tampouco se interna neles.
Características: Unha das características desta especie e que é ovovivípara o que quere dicir que as súas crías nacen desenvoltas como larvas ou incluso totalmente metamorfoseadas, e non como o resto das especies de Urodelos de Galicia que si poñen ovos.
Ameazas: Desecamento de zonas húmidas, así como a introdución de especies foráneas tanto de peixes como cangrexos que depredan sobre as larvas.



Saramaganta
Chioglossa lusitanica
Salamandra rabilarga



Especie: É a outra especie de píntega galega, aínda que é moi diferente á súa parente a píntega común. Cos ollos grandes saíntes e extremidades reducidas, de cor xeral parda escura, case negra con dúas franxas na zona dorsal de cor dourada que se xuntan o comezo da cola formando unha soa franxa.
De movementos rápidos e áxiles, de forma estilizada cunha longa cola de sección redondeada, a cal pode dobrar o tamaño deste urodelo.
Endemismo do noroeste peninsular.
Hábitat: Vive en zonas con regos de auga limpa e suficientemente osixenadas con boa vexetación nas beiras, en fragas ou outro tipo de bosques caducifolios con zonas sombrías, aínda que pode afastarse dos cursos de auga.
Características: Especie de actividade nocturna, ten a lingua protráctil (que pode proxectala fóra da boca) para capturar insectos, arácnidos e miriápodos. É o único anfibio galego que pode perder a cola como as lagartas. Ás veces pódese atopar tamén de día nalgunhas fragas sombrías.
Ameazas: Contaminación dos regueiros e ríos, tamén a proliferación de especies invasoras, así como a redución dos bosques autóctonos.



Limpafontes común
Lissotriton boscai
 Tritón ibérico



Especie: A cor do dorso e escuro uniforme na fase terrestre, facéndose máis vistosa cando o atopamos na auga dun cor pardo máis ben escuro, e con manchas redondas negras e unha liña vertebral amarela avermellada, ventre dende laranxa ate vermella con manchas negras nos laterais.
Aliméntase tanto de larvas de insectos acuáticos como terrestres, podendo incluír na súa dieta ovos e larvas de urodelos propios como de outra especie.
Hábitat: Un anfibio moi dependente da auga, xa sexan fontes, pozas de auga,píos, regatos e ríos sempre nas zonas de corrente lenta. Nos invernos son máis difíciles de ver xa que se esconden baixo de troncos caídos, das pedras, metidos en gretas dos muros ou as veces baixo cascallos.
Curiosidades: Ao igual que o resto de Limpafontes ten a cola de sección aplanada lateralmente, co cal pode nadar moi ben, sen crista caudal.
Ameazas: A contaminación das zonas de reprodución e os desecamentos de regatos, fontes e charcas onde habita, así como a introdución de especies invasoras.


Limpafontes palmado
Lissotriton helveticus
Tritón palmeado









Especie: De tamaño e costumes similares ao Limpafontes común. Cor café con leite con manchas irregulares negras, ventre de cor amarelo ou laranxa claro, ten un anteface que vai dende o fociño ate a parte traseira da cabeza.
Hábitat: Podemos atopar esta especie en lagoas, charcas, encoros, pozos …, gusta de diferentes masas de auga, sempre que sexan estancadas ou de corrente moi lenta, tolera ben augas turbias, non precisa que as augas sexan totalmente limpas.
Curiosidades: Unicamente son os machos o que teñen as patas palmeadas en época de celo, e deso recolle o nome esta especie. Cola con crista caudal, de sección aplanada lateralmente.
Algo máis diúrno que o Limpafontes común. Aliméntase de larvas de insectos acuáticos ou mesmo dos insectos adultos.
Ameazas: A contaminación e alteración de charcas e masas de auga das que tanto depende para a reprodución e o desenrolo das larvas, así como a introdución de especies invasoras.



Limpafontes verde
Triturus marmoratus
Tritón jaspeado


Especie: É o máis grande dos nosos tritóns, inconfundible polo súa cor verde xaspeada de negro, coa zona ventral gris escura con pintas negras, as femias dun cor verde máis vivo e unha liña vertebral laranxa.
Hábitat: Podémolo atopar en augas estancadas como charcas, pozos ou incluso en bosques sombríos sen masas de auga. Posiblemente sexa o mais terrestre dos nosos tritóns.
Curiosidades: Durante a época de celo nos machos apréciase unha gran crista dorsal e caudal. Aliméntase de larvas de insectos, oligoquetos, caracois e lesmas aínda que tampouco desprezan ovos e cagados doutros anfibios.
Ameazas: Desecamento de zonas húmidas, contaminación, a introdución de fauna alóctona e a transformación e deterioro de zonas de cría.



Supersticións 

Existen supersticións que dan mala fama sobre todo ás píntegas: “que se teñen resistencia ao lume”, ou incluso “que saen do propio lume” , como se de seres infernais se tratara.
A maiores se lles adxudica un terrible veleno ou “pezoña”, que non teñen, e que incluso “cho poden transmitir a distancia mediante un aire” que te pode contaxiar todo tipo de doenzas. Para contrarrestar estes posibles perigos fóronse inventando unha serie de prácticas, ensalmos e amuletos que nos poden defender destes animais clasificados como maléficos, cando do que se trata é dunhas especies moi beneficiosas para o equilibrio dos ecosistemas acuáticos e boscosos.
Si é certo, que algunhas especies de anfibios dispoñen de glándulas cutáneas que poden exudar, cando se lles molesta, substancias irritantes, sobre todo para as mucosas (ollos, boca,..), que utilizan a modo de defensa para poder escapar dalgún depredador. Por iso, se tiveramos que manipulalos, no caso dalgún estudo, logo débense lavar moi ben as mans para evitar problemas de lixeiras alerxias. O correcto é non molestalos, e se queremos ter un recordo deles, fotografalos e deixalos ir ao seu.
A píntega ten unha coloración que advirte de que pode ser velenosa (na natureza certas combinacións de cores vivos advirten da posibilidade de ser velenoso) o que lle dá certa protección visual ante posibles depredadores que lles avisa dun bocado pouco apetecible.
Non obstante os depredadores naturais dos anfibios son as cobras, algún mustélido, aves acuáticas... Outros posibles depredadores como os raposos, gatos e cans, todos eles en estado xuvenil (con pouca experiencia), poden tratar de atrapar algunha píntega adulta. Entón entre o sabor pouco apetecible e o efecto irritante, o cospen rapidamente e aprenden a rexeitalos. No ser humano, agás das posibles irritacións xa mencionadas ou algún problema que se poida dar por alerxia, o veleno dos anfibios non é perigoso.
Nos queda o caso dos limpafontes (tritóns), anfibios urodelos que algunhas persoas descoñecen e metenas no mesmo saco que a píntega, adxudicándolle tamén todas as inxustas propiedades descritas. Pode influír neste rexeitamento a mala interpretación dun dos nomes populares, “pintafontes”, pensando que contaminan as fontes e pozas onde viven. A realidade é todo o contrario por iso, se utilizamos o outro nome popular “limpafontes” a cousa cambia. Témoslle escoitado a xente dicir “se lles chaman limpafontes, malos non serán...”. Por exemplo axudan a controlar o exceso de larvas de mosquitos nas augas onde habitan.
A ignorancia e o rexeitamento ancestral fai que todos estes anfibios urodelos (con cola) os chamen “sabandixas” e sobre todo a xente maior coñecedora e transmisora das supersticións que aquí mencionamos, traten de matalos pois os consideran “alimañas prexudiciais” que hai que erradicar. Para comprobar a persecución á que se someten estes marabillosos espécimes só tendes que facer unha busca da palabra “sabandixa, sabanduxa ou sabandija”, na R.A.E vos atopades coa seguinte definición: “Reptil pequeño o insecto, especialmente de los perjudiciales y molestos...”, “Figuradamente.- Persona despreciable”.
Pensamos que o verdadeiramente desprezable é que a nivel do que é a Educación Ambiental deste pais non se lograra desbancar todas estas crenzas que veñen de antigo e que deberon de quedar no caixón dos mitos, supersticións e lendas.

Vémonos no monte.