26 jun 2014

SAIMOS NO DIARIO

Os nosos compañeiros Juan Ramon e Amancio amosan o seu traballo no Diario de Pontevedra





Este e outros documentos estan dispoñibles para todos en

ESTUDOS E DOCUMENTOS PARA DESCARGAR

25 jun 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 



Animais que están a desaparecer.
Insectos. II





Lucanus cervus.
Vacaloura, Escornabois.
Ciervo volante.
A vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus) trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais.
Os adultos aliméntanse do zume das árbores (savia) tamén se pode atopar lambendo froitas maduras para extraerlle o zume para o cal utiliza a súa lingua amarela e peluda.
Especie mais activa pola tarde e pola noite. Poden voar, alcanzando velocidades de ata 6km/h.
Este insecto é considerado o maior escaravello de Europa. O tamaño oscila entre 30 e 90mm no caso dos machos e 28 e 45milímetros nas femias.
Existen diversas teorías sobre como se aparean, aínda que a máis probable é que os machos se agrupen en torno ás femias e as disputen en combates que poden chegar á morte dun dos contrincantes.
As femias poñen os ovos nas fendas dos árbores, e estes teñen a súa eclosión ao redor de dúas a catro semanas da posta.
Reprodución.
Os machos nas horas cálidas do atardecer buscan os puntos de donde extraer o zume vexetal(savia). Se nese punto, poden coincidir varios machos, entón engárzanse nunha loita incesante. Os machos acometen mutuamente as cornamentas trábanse, cada un intenta levantar o seu opoñente no aire, co cometido de tiralo fora da árbore. Tamén expulsan as femias. Despois de unha loita que pode durar horas queda co control do lugar unha parella.
A larva.
A larva deste insecto pasa de tres a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos.
As larvas desta especie teñen un apetito moi voraz: de tan só un gramo de peso, poden comer nun só día 22,5centimetros cúbicos de madeira. As larvas alcanzan un tamaño cosiderábel, chegando incluso a 10centímetros de longo.
O tempo de vida trala metamorfose é moito máis curta cá vida sendo larva.
Actualmente a vacaloura ou escornabois é un insecto protexido, xa que está en perigo de extinción. A especie está en regresión debido á perda do seu hábitat e á caza polos seus cornos, pois é un exemplar moi apreciado, en algúns países esta totalmente prohibido sa sexa para coleccionar, matar, ou incluso alonxalos do seu hábitat.
Lendas.
Os cornos da vacaloura, son considerados en Galicia amuletos protectores e moi usados para protexerse contra as meigas e o mal de ollo Lévanse no peto ou colgados sobre o peito, dentro dunha bolsiña; no caso dos meniños, un destes cornos atado no pulso protéxeos contra o enganido (raquitismo).
 

Non teño medo ós teus ditos
nin medo do teu meigallo
que ando cunha vacaloura
e catro dentes de allo.

Alimentación.
As vacalouras adultas succionan o zume(savia) de varias árbores frondosas, preferiblemente do carballo. Mentres as femias son capaces de roer coas pinzas maxilares a cortiza e acceder a savia, os machos deben buscar puntos abertos, por donde flúa. Oriéntanse polo olfacto. Sendo atraídos polos aromas desprendidos polas femias, sinalizando os puntos de saída da savia polo esparexemento de excrementos en tódalas direccións.

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.







Oryctes nasicornis.
Escaravello rinoceronte.
Escarabajo rinoceronte.


O escaravello rinoceronte (Oryctes nasicornis) é xunto a Vacaloura (Lucanus cervus), e o escaravello máis grande de Europa.
É un insecto absolutamente inofensivo, por non facer dano, non o fai nin á madeira da que se alimenta.A pesar do seu tamaño pode alcanzar os 6 Cm de lonxitude. De aspecto fero, os machos presentan unha especie de corno que recorda enormemente ao dos rinocerontes, teñen un corpo moi robusto de coloración castaña máis ou menos escura e uniforme. O escudo cervical presenta dobras e entalladuras notables

A larva.

As larvas con aspecto de verme de gran tamaño desenvólvense durante anos en raíces e cachopas mortas, así como en serradoiros, ou bosques donde atope restos de madeira en descomposición material do que se alimenta sa sexa no chan ou escavando galerías na madeira podre. Malia o gran tamaño das larvas, estas non son perigosas. Podéndose atopar larvas deste insecto enterradas no chan xunto a outros vermes brancos.Tarda de tres a cinco anos para se desenrolar ate a súa transformación en pupa que realiza nunha cápsula no chan do tamaño de un ovo de galiña.

Alimentación e forma de vida.
 
En estado adulto a súa vida é moi curta, de apenas uns meses, e está dedicada á reprodución. Nese período de madurez, o escaravello rinoceronte non se alimenta ou faino ocasionalmente libando zume(savia) dalgunhas árbores, preferiblemente carballos. De actividade nocturna, por desgraza para o escaravello rinoceronte, ten tendencia a voar arredor de farois e fontes de luz, polo que acaba caendo ao chan e morren se finalmente non pode remontar o voo ou é presa dalgún depredador.
Ademais dos depredadores habituais, como raposos, rapaces nocturnas e réptiles, as larvas do escaravello rinoceronte son parasitadas por unha especie de himenóptero
(Scolia flavifrons), unha avespa de tamaño grande, acorde ao que posúe o noso protagonista.
Os seus voos son potentes e para levalos a cabo necesita un gran desgaste enerxético, tendo en conta o seu tamaño.
Os machos destes coleópteros presentan unha protuberancia na parte frontal da súa cabeza, un corno que empregan para escarvar na terra e ocultarse dos seus inimigos, así como para loitar entre eles buscando a atención das femias. As loitas soamente pretenden voltear ao contrario e demostrar a superioridade do máis forte.

Destes escaravellos dise que son capaces de mover o equivalente a 800 veces o seu peso, e están incluídos entre os animais máis fortes do planeta, Cando falamos da forza dun animal estamos a comparar que tanto pode cargar un animal en relación ao seu propio peso. (O elefante só pode levantar 1/4 parte do seu peso, as formigas 30 veces o seu peso e o escaravello rinoceronte preto de 850 veces o seu peso)

O escaravello rinoceronte necesita, como outras especies de coleópteros, da madeira morta. Por iso é importante un equilibrio na limpeza e roza dos bosques. A presenza de madeiros mortos, cachopas, raíces podres ou froitos en descomposición é esencial para a vida de moitos seres, algúns deles non moi populares ou desapercibidos ao noso interese, pero tan importantes para a nosa biodiversidade como o son as especies de aves ou mamíferos que todos temos presentes.

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.





 
Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory.
Cárabo galego.




O Cárabo galego. (Carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory). E endémico de Galicia de 20mm a 28mm.

Este escaravello depredador, é facilmente recoñecible por ter os fémures de cor laranxa que contrasta co corpo acanalado de cor azul tirando mais o negro, sendo os machos un pouco máis pequenos cas femias.

Pertence á familia dos carábidos, un gran grupo de escaravellos(coleópteros) que se caracterizan por ser habitantes do chan, aínda que teñen ás, cústalles voar. Son principalmente depredadores doutros insectos.

Esta xoia biolóxica é especial. É capaz de mergullarse na auga, utilizando este recurso para escapar dalgunha ameaza, ou mesmo e capaz de atrapar algunha das súas presas baixo a auga.

Ademais de buscar refuxio dentro da auga tamén o fai debaixo das pedras ou entre o musgo húmido. Podémolo atopar baixo as pedras parcialmente somerxidas dentro da canle das correntes de auga.

A súa querenza polos cursos de auga cristalinos convérteno nun indicador da pureza da auga. Isto debese a que se trata dunha especie altamente sensible á contaminación das augas e a alteración do hábitat das beiras dos ríos e do bosque de ribeira, bosques alterados pola proliferación de eucaliptos, robinias, acacias ou mimosas que están a invadir completamente as ribeiras dos ríos alterando tamén o chan e o substrato onde viven se agochan e cazan, tanto o Cárabo coma outros insectos.
Isto faino vulnerábel, e debido a restrinxida área de distribución sitúano no Libro Rojo de los Invertebrados de España como especie vulnerábel. Si a isto engadimos que os nosos ríos e regatos están a ser alterados pola contaminación, entendemos que se vexa relegado a cursos de auga de montaña onde a auga adoita estar mais limpa.

Gusta de lugares sombrizos e de moita vexetación, con pequenas praias de area o carón do río, que é onde poñen os ovos, dos que nacen posteriormente as larvas que son alargadas e escuras xa coas patas desenroladas e fortes mandíbulas. Pode reproducirse tres ou catro veces o ano. Este número de xeracións débese a unha temperá actividade dende principios de marzo, prologándose ata outubro, mes no que hibernan tanto as larvas como os adultos.

A súa alimentación centrase en larvas e moluscos acuáticos, sendo grandes devoradores de típulas, pequenas lesmas, miñocas ou larvas doutros animais.




Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.




























21 jun 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

Animais que están a desaparecer.
Insectos.



Despois de moitas saídas ao campo, visitas a lugares especiais, paseos, camiñadas polos ríos e montes, percorrendo o medio natural, vótanse en falta a eses pequenos animais que cando eramos cativos xurdían ao noso carón, xa estiveran na procura de comida, na busca de parellas ou simplemente intentando sobrevivir. Constatada esa falta que cada vez faise mais evidente, xurde a idea de facer esta pequena homenaxe, recordatorio... cada quen que escolla a expresión que mais lle praza.
Non hai moito tempo era frecuente atopar e observar estes animais sen buscalos apenas, pola contra os cativos de hoxe, case non os identifican mais que en algún libro ou guía de natureza, pero sen a posibilidade de podelos ter nas mans ou simplemente velos no seu entorno.
Esta claro que algo non se esta a facer ben cando estas fermosas especies desaparecen cada vez mais rápido do medio natural. A algúns, houbo xente que se dedicou a poñerlles “mala fama”, sen valorar na súa xusta medida os beneficios que producían na natureza. E agora que son escasos, despois de acabar con eles, empezamos a darlle o valor que tiñan e a tratar de quitarlle esa “mala sona” adquirida.
Moitos deles son beneficiosos para a agricultura, resultando ser os mellores axentes biolóxicos que tiñamos de forma natural nos campos. Cando se fala de axentes biolóxicos referímonos a que por exemplo as xoaniñas son grandes comedoras de pulgóns, a barbantesa come moitos insectos, ou o vagalume regula a poboación de caracois. Isto era o que acontecía antes da chagada deses sulfatos tan tóxicos que se usan dende hai algún tempo ata hoxe. Escóitaslle a xente dicir que matan algúns insectos, pero coa mesma aparecen outros que nunca viran, e o primeiro en que pensan é en botar mais cantidade de produtos tóxicos na horta, matando tódolos animais que estean polas proximidades e o mesmo tempo metémoslle mais produtos químicos ás plantas destinadas ao consumo humano, produtos que fan que moitas das plantas perdan as defensas naturais e obrigan ao agricultor a botar cada vez maior cantidade de veleno para asegurar unha produción rendíbel. Non atinamos a pensar que a maioría das plantas necesitan deses insectos para axudar coa polinización, que simplemente todo o que se planta da froito e semente porque si, sen ningún tipo de axuda o igual que as arbores e plantas ventureiras que non cultivamos.
En moitos sitios donde se deron conta do erro, levan algún tempo facendo agricultura natural, que seria o nome que ten, e non o de “agricultura ecolóxica”, utilizando estes insectos para acabar coas pragas e favorecer a polinización e por fin darlle a estas especies o valor real que teñen e se merecen, esperemos non sexa tarde tanto para estes animais como para outros que están a piques de desaparecer.
A ver si empezamos xa por fin a deixar de contarlle aos nenos esas historias que nos contaban as nosas avoas e nais, “que tal animal facía non sei que..., que aquel outro tiña veleno e que algún facía cousas raras...”. Moitas desas lendas non teñen sentido e outras aparte de non seren reais esaxerábase respecto os males dos animais, iso si, sempre coñecían a alguén que lle fixera dano algunha desas especies “perseguidas” e cando lle preguntabas a persoa en cuestión terminaba contando outra cousa distinta.
Cando coñeces a xente que traballa e estuda os animais, e ves que os collen na man e móstranos, e lle contas estes contos, sempre din o mesmo, que non teñen razón, ou simplemente están errados ou esaxerados e sen fundamento científico ningún.
Por todo isto respectemos a todos os seres vivos cos que compartimos o medio natural, que de seguro axudarannos mais do que nos danan.


Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.




 
Lampyris noctiluca.
Vagalume, Lucecú, verme da luz.

Luciérnaga.

O Vagalume, lucecú, verme de luz (Lampyris noctiluca) o nome de fai referencia ao aspecto da femia, que é seguramente o estado máis coñecido deste coleóptero.
O aspecto das femias pode despistar algo porque recorda a forma das larvas. O corpo e alongado de cor negra mostrando os segmentos do tórax e do abdome. Ten ás moi rudimentarias, polo cal non voa e os seus desprazamentos están moi limitados.
As femias diferéncianse das larvas porque non posúen os puntos amarelos que decoran ambos os dous extremos de cada segmentos. Ademais, as femias só aparecen durante o verán, mentres que as larvas evolucionan dende uns poucos milímetros ata algúns centímetros durante dous anos, podendo verse nas catro estacións (aínda que nas latitudes frías hibernan).
O macho ten aparentemente pouco que ver coa femia. Aparte de ter un tamaño ostensiblemente inferior, posúe dúas ás ben desenvolvidas protexidas por dous élitros longos que ocultan todo o seu abdome. Outra diferenza notable é que conta cuns ollos ben desenvolvidos, moi útiles para discernir os contrastes de luminosidade.
Os vagalumes adultos non se alimentan durante a súa semana de vida (ou algo máis de tempo se non encontran rapidamente a unha parella) viven das reservas que acumulou sendo larva.
Ciclo de vida.
Con tan só 5 mm de lonxitude, a súa principal tarefa consiste en buscar a primeira presa. Tras repousar unhas horas para que a cutícula se endureza, comeza a busca de presas.
A forma e a cor das larvas son moi características. O seu corpo está formado pola cabeza á que lle seguen uns segmentos semirríxidos e articulados, a xeito dunha armadura.
A cor do corpo é negra, destacan dous puntiños cunha coloración que vai do amarelo claro
ao alaranxado en cada un dos extremos dos segmentos.
Durante o seu primeiro outono as
larvas dedícanse a buscar caracois, podendo mudar unha ou dúas veces ata que cos primeiros fríos entran en estado de hibernación baixo madeiros, pedras ou follaxe. Nos lugares onde as temperaturas non descenden por debaixo dos 4º C pola noite, poden seguir cazando caracois e brillar durante todo o inverno.
A larva móstrase activa principalmente nas horas nocturnas, evitando o día debido á insolación.
Alimentación.
Está adaptada aos hábitos das súas presas polo que non é éstrano que mostre predilección polos ambientes húmidos. Os vagalumes aliméntanse de caracois e babosas. Parece que é capaz de seguilos polo rastro mucoso, tamén intercepta as súas vítimas simplemente por contacto nos seu vagabundeo, detectándoas co par de palpos que ten na súa cabeza.Unha vez que localizou a súa presa, a larva do vagalume monta sobre eles e inmobilízaos asestándolle unha dentada coas súas mandíbulas, que contan cun conduto a través do cal pasa un xugo excretado polo intestino da larvas que ademais de paralizar a presa, rompe e dixire os seus tecidos, converténdoos nunha papa que absorbe.
Durante o seu desenvolvemento, unha larva de verme de luz pode comer máis de setenta caracois.
Nos meses comprendidos entre abril e xuño a larva pode abandonar os seus hábitos nocturnos, sendo posible encontrala marchando mesmo a plena luz do día. Cara ao mes de xuño a larva está preparada para pasar ao estado de pupa. Para iso buscará un sitio protexido como un madeiro ou unha pedra. Poden chegar a xuntarse un grupo de larvas para
pupar, o que parece ser unha vantaxe para a fase seguinte, posto que como as femias practicamente non se desprazan así asegúranse a proximidade dos machos. O cabo duns dez días emerxe a femia, os machos demóranse entre catro a seis días máis.
O cortexo.
Estando xa no verán do segundo ano, transcorridas unhas poucas horas, as femias comezan o seu cortexo luminoso. Usualmente permanece no chan, entre a herba, sobre pequenos montículos, aínda que non é estraño que trepen por algún filamento de herba ou que estean no exterior das pedras dos muros. En xeral buscarán posicións dende onde a súa luceciña sexa visible. Para iso, curvarán o seu abdome de maneira que os fariños queden ao descuberto.
As femias son moi sedentarias e xeralmente non se moverán do mesmo sitio noite tras noite ata que se emparellen. Durante o día escóndense en ocos de pedras, pequenos buratos na terra ou entre a follaxe, evitando así as altas temperaturas.A femia mostra a
luceciña pouco despois do atardecer. Unha vez que conseguen chamar a atención dun macho, aparéanse e comeza a apagar o seu faroliño. A maior parte das femias, adoitan ter sorte, polo que brillan soamente durante unha noite. (Os que brillan durante varias noites seguidas, son aquelas que non tiveron éxito na súa busca de parella). E preparase para a posta, que acontecerá nos días posteriores duns 50 a 150 ovos esféricos, os cales miden aproximadamente 1 mm de diámetro e que inicialmente, e durante uns días, poden brillar cunha luz amarela feble. Aproximadamente ao cabo dun mes as larvas eclosionan. A vida dun vagalume desenvolvese durante dous anos. Na época donde se fan máis patentes e de finais de xuño a principios de agosto, dependendo da zona xeográfica e das condicións meteorolóxicas dese ano.






Cocinella septempunctata.

Xoaniña, Maruxiña.
Mariquita de siete puntos.

A Xoaniña, Maruxiña ou Reirrei (Coccinella septempunctata), son insectos pequenos, cun tamaño reducido que vai de 5 a 8 milímetros. De forma redondeada ou oval, brillantes, adoitan ser de vivas cores, con manchas negras sobre un fondo laranxa, amarelo ou vermello, en forma de puntos ou raias (non é unha cuncha senón grosas ás transformadas, chamadas élitros, que protexen as ás funcionais para o voo). Algunhas especies son peludas.
Dado que son útiles(Serven para controlar algunhas pragas), son insectos vistos tradicionalmente con simpatía e mesmo se lles considera nalgúns lugares signo de boa sorte, e que matalas toma como un presaxio de mala sorte.
As vivas cores das xoaniñas serven para manter afastados os predadores, que adoitan asociar as cores brillantes(especialmente o laranxa e negro ou o amarelo e negro) co veleno. Isto denomínase aposematismo ou coloración aposemática. De feito, algunhas xoaniñas son realmente tóxicas para os depredadores de pequeno tamaño, como lagartos ou paxaros pequenos, pero non para o ser humano por que son totalmente inofensivas, dado que calquera persoa podería agarrar algunha sen que esta use algún tipo de defensa persoal.
Distribución.
Habitan sobre as follas de diferentes especies vexetais onde encontran o seu alimento, son cosmopolitas.
Ciclo vital.
Poñen os ovos de cor amarela un por un, ou colocados en grupos ou restras sobre as follas. Despois dunha semana, dos ovos saen as larvas que teñen seis patas, e gran mobilidade. Adoitan ser espiñentas e verrugosas, de cor negra con minúsculas manchas brancas e alaranxadas, aínda que hai unha gran variedade nas cores segundo a especie. Estas larvas mudan tres veces antes de converterse en pupas. As pupas adhírense ás follas, talos ou rochas, e son dunha cor alaranxada e negra, e poden confundirse con excrementos de aves. Destas emerxe un adulto de cor amarela sen ter aínda definidas as cores características do adulto; pero estes aparecen nunhas poucas horas.
Alimentación.
Por outra parte, as xoaniñas son moi apreciadas xa que son depredadoras naturais dos pulgóns, pulgas, ácaros e cochinilla que son pragas para a agricultura.
Una xoaniña adulta estímase que pode consumir máis de mil destes animais durante o verán e se temos en conta que unha femia pode ter máis dun millón de crías decatarémonos de cómo, e por que son considerados insecticidas naturais. En moitos lugares do mundo utilízanse para o que se coñece como control biolóxico das pragas; é dicir, uns animais eliminan os outros que son prexudiciais para a agricultura. Utilizando aos seus inimigos naturais, en lugar de utilizar produtos químicos.
O seus depredadores naturais son os paxaros, pero o seu desagradable sabor presérvaas de ser inxeridas.




Mantis religiosa.
Barbantesa, Santateresa.

Mantis Religiosa.


Barbantesa, Santateresa, Mantis Relixiosa (Mantis religiosa)
Características. A lonxitude do corpo e de entre 4-8 Cm, de coloración verde ou marrón, as veces tamén pode ser case amarelo, o protórax e longo, as patas dianteiras convertéronse nunha especie de tenaces coas cales apresa as súas vítimas, funcionan coma se fosen unha ferramenta prensora, provista de púas co que asegurarse de que nada se lle escape.
Dispoñen de una gran campo de visión, con ollos compostos e no medio deles tres simples, ademais a cabeza pode xirar ate 180° polo que pode ser case infalible cando se lanza a unha captura.
Datos de interese. A barbantesa está ao axexo na procura das súas presas case sen moverse, coas patas dianteiras elevadas como se estivese orando, pasa desapercibida grazas a maneira que ten de camuflarse como se de parte dunha herba se tratase e a súa cor que empasta perfectamente no entorno no que se move. Caza insectos coma moscas, saltóns, bolboretas, incluso algunha ra pequena, achegándose sempre moi devagar, case sen moverse, atrapándoos coas súas longas patas con moita rapidez introducíndoos logo entre as súas pezas bucais. Insecto moi beneficioso xa que exerce un gran control biolóxico sobre especies nocivas para a agricultura e a xardinería.
Os machos son mais pequenos cas femias.
Reprodución. A barbantesa aparéase a finais do verán, case sempre con tráxicas consecuencias para o macho, xa que moi frecuentemente acaba devorado pola femia durante o apareamento. Os machos acércanse ás femias con moito coidado por atrás. A femia adopta unha actitude pasiva permitindo ao macho o apareamento, si o macho non se pon a salvo a tempo a femia terminara coméndoo como se fose calquera outra presa.
Despois de algúns días, a femia poñerá os ovos envoltos nunha secreción escumosa que endurecera en contacto co aire, quedando pegada as pedras, ás herbas, ou aos árbores. Estas postas coñécense co nome de ootecas. Dos aproximadamente 200-300 ovos de cada ooteca, so uns poucos sobreviviran xa que entre eles prodúcese canibalismo.
As larvas naceran na primavera seguinte, mudan ate 6 veces alcanzando a madurez no verán.





ESTE E OUTROS ESTUDOS PODEDELOS DESCARGAR NO NOSO APARTADO "ESTUDOS E DOCUMENTOS"