21 dic 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 


ANUROS ( ANFIBIOS SEN COLA)



Ra patilonga

Rana iberica
Rana patilarga

Especie: De cor variable predominando máis os tons pardos, aínda que tamén se pode atopar de cor ocre ou avermellado, e pintas ou manchas escuras no dorso. Nos solos cubertos de follas pode pasar bastante desapercibida.
Nos laterais da cabeza presenta unha mancha escura, a modo de anteface dende o fociño ate a altura das extremidades dianteiras.

Hábitat: Ten preferencia por regatos e ríos rápidos e de auga fría con boa cobertura vexetal nas beiras, aínda que tamén podémola atopar en charcas, lagoas ou en terreos moi húmidos e asolagados.

Curiosidades: Recoñecémola polo tamaño das extremidades traseiras, xa que son máis longas que en outras especies (se lle estendemos as extremidades traseiras cara a cabeza podemos apreciar como o talón supera a punta do fociño). Tamén porque posúe unhas grandes palmaduras interdixitais, o tímpano é máis pequeno co ollo, tendo a gorxa pigmentada cunha liña central clara. Debemos lembrar que non se deben coller nin manipular por ser animais que están protexidos.

Ameazas: Está afectada pola contaminación e alteración dos ríos e hábitats que frecuenta, pola construción de mini centrais, polas plantacións de eucaliptos e outras árbores como as robinias, acacias … e a introdución de fauna exótica. E unha especie protexida.


 
Ra verde

Pelophylax perezi
Rana común 
 
Especie: De cor verde con manchas irregulares negras, formando nas extremidades traseiras un barrado transversal. Aínda que ás veces podemos atopalas cunha coloración tirando a pardo, sempre presenta unha liña vertebral verde claro ou amarelenta.

Hábitat: Especie que gusta de augas tranquilas ou mesmo paradas. Podémola atopala en beiras de ríos grandes e en zonas remansadas, lagoas,encoros, pozas, etc.
É a ra máis acuática que atopar nesta terra.

Curiosidades: Ra moi ruidosa, xa que onde habita aparece en gran cantidade “croando”. Posiblemente, e debido a súa coloración, é moi posible que non a poidamos ver, pero case sempre si a escoitaremos. Esta ra pode vivir en zonas coas augas alteradas ou mesmo contaminadas.

Ameazas: A introdución do caranguexo vermello americano, que lle depreda as larvas.


 
Estroza “Ra de santo Antón”

Hyla arborea
Rana de san Antonio

Especie: Ra pequena e gordecha, inconfundible pola súa cor verde viva e brillante. É de hábitos gabeadores grazas ás dedas que rematan nunhas pequenas ventosas que lle permiten adherirse a calquera superficie para trepar.
Polos costados teñen unhas liñas de cor marrón escura ou negras, que van dende o fociño, pasando polos ollos, ata chegar as inguas separando o dorso do ventre que é de cor branco ou cincento.

Hábitat: Encontrámola en zonas húmidas con abundante vexetación, en lagoas, encoros con algún regato preto, e case sempre enriba da vexetación ou trepando por ela. É moi frecuente atopala enriba de toxos, silvas, etc.

Curiosidades: Grazas ao seu saco vocal, emite un canto moi forte comparado co seu tamaño, o que fai que nalgúns lugares a chamen “O Ranón”

Ameazas: O desecamento de zonas húmidas, os incendios e que durante moito tempo algunhas das lagoas que frecuenta usáronse como vertedoiros polos humanos,tamén lle afecta a introdución de especies exóticas.



 
Sapiño pinto

Discoglossus galganoi
Sapillo pintojo

Especie: Este sapo é máis parecido morfoloxicamente a unha ra que aos sapos, xa que ten a pel case sen verrugas e sen glándulas parótides. De patas longas aínda que non tanto como as ras tamén se move a saltos, algo moito máis raro nos outros sapos.
A pel dorsal é de cores pardos ou oliváceos con manchas irregulares ou bandas de cor máis escuro.

Hábitat: Sapo que acostuma estar moi ligado a auga, aínda que non é moi esixente coa súa calidade. É moi frecuente en arroios, pozas, charcas, prados, terreos de
asolagamento e tamén nas gabias.

Curiosidades: Polos costumes que ten este sapo, hai moita xente que o confunde coas ras.

Ameazas: A introdución de especies alóctonas invasoras e o desecamento de zonas húmidas.



 
Sapo común

Bufo bufo

Especie: É o anuro máis grande da nosa terra. De pel moi verrugosa, de cor variable dende gris terroso, amarelento areilla. Incluso podemos atopar algúns sapos de un pintado gris, negro, branco e con tons amarelentos, saíndose das cores mais comúns.
Anuro gordecho e con grandes glándulas parótides oblicuas e con forma de ril, que segregan un líquido viscoso e irritante que lle serve como defensa.

Hábitat: Pódese atopar en fragas, prados e hortas, sendo unha especie moi terrestre,
que gusta de solos con boa cobertura vexetal, e refúxiase baixo pedras durante o dia.

Curiosidades: Este sapo pode estar moito tempo totalmente inmóbil. Ten os ollos cun iris vermello ou dourado coa pupila horizontal.
Acostuma adoptar unha postura intimidatoria cando detecta un depredador, inflándose e levantando as patas traseiras para aparentar un tamaño máis grande.
Adoita acudir ao mesmo emprazamento acuático para depositar a posta de ovos que escolleu o ano anterior.

Ameazas: A contaminación de zonas húmidas polos vertedoiros incontrolados que aínda podemos ver nalgúns sitios que afectan a natureza ao descompoñerse os residuos, soltando líquidos e sustancias perigosas. Tamén se resinte pola introdución de especies alóctonas, e o exceso de insecticidas na agricultura.



 
Sapo corriqueiro

Bufo calamita
sapo corredor

Especie: Sapo cun aspecto parecido ao sapo común, aínda que é máis pequeno e coas glándulas parótides paralelas entre si cunha liña vertebral moi evidente de cor amarelo. Moi verrugoso. A cor dorsal adoita ser xaspeado, sobre un fondo verdoso.
Ten os ollos coa pupila horizontal e co iris de cor verde claro ou amarelento.

Hábitat: De costumes cavadoras, polo que adoita vivir en terreos areentos como dunas ou ladeiras pedregosas, co chan brando e solto, aínda que estea distante da auga.

Curiosidades: Este sapo acostuma poñer ovos en charcas pouco profundas e pequenas, co que aínda que sequen axiña non é problema para os seus cágados, xa que se desenvolven máis rápido que outras especies de anuros.

Ameazas: As ameazas máis frecuentes son a alteración do seu hábitat de reprodución, e os atropelos que sofren os adultos nas estradas.





6 nov 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

  URODELOS ( ANFIBIOS CON COLA)

Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro


Píntega
Salamandra salamandra
Salamandra común.


  
 Especie: De actividade nocturna. inconfundible pola súa coloración de cor negro brillante e amarelo,moi chamativo.
De aspecto robusto, con cola curta e de sección redondeada.
Hábitat: Pode aparecer en calquera tipo de hábitat, pero é mais abondosa en fragas sombrías e húmidas, atopase máis cómoda 
 entre a follaxe durante o día, escóndese tamén baixo pedras e troncos, saíndo pola noite á procura de pequenos invertebrados para alimentarse.
Non se afasta moito dos cursos de auga pero tampouco se interna neles.
Características: Unha das características desta especie e que é ovovivípara o que quere dicir que as súas crías nacen desenvoltas como larvas ou incluso totalmente metamorfoseadas, e non como o resto das especies de Urodelos de Galicia que si poñen ovos.
Ameazas: Desecamento de zonas húmidas, así como a introdución de especies foráneas tanto de peixes como cangrexos que depredan sobre as larvas.



Saramaganta
Chioglossa lusitanica
Salamandra rabilarga



Especie: É a outra especie de píntega galega, aínda que é moi diferente á súa parente a píntega común. Cos ollos grandes saíntes e extremidades reducidas, de cor xeral parda escura, case negra con dúas franxas na zona dorsal de cor dourada que se xuntan o comezo da cola formando unha soa franxa.
De movementos rápidos e áxiles, de forma estilizada cunha longa cola de sección redondeada, a cal pode dobrar o tamaño deste urodelo.
Endemismo do noroeste peninsular.
Hábitat: Vive en zonas con regos de auga limpa e suficientemente osixenadas con boa vexetación nas beiras, en fragas ou outro tipo de bosques caducifolios con zonas sombrías, aínda que pode afastarse dos cursos de auga.
Características: Especie de actividade nocturna, ten a lingua protráctil (que pode proxectala fóra da boca) para capturar insectos, arácnidos e miriápodos. É o único anfibio galego que pode perder a cola como as lagartas. Ás veces pódese atopar tamén de día nalgunhas fragas sombrías.
Ameazas: Contaminación dos regueiros e ríos, tamén a proliferación de especies invasoras, así como a redución dos bosques autóctonos.



Limpafontes común
Lissotriton boscai
 Tritón ibérico



Especie: A cor do dorso e escuro uniforme na fase terrestre, facéndose máis vistosa cando o atopamos na auga dun cor pardo máis ben escuro, e con manchas redondas negras e unha liña vertebral amarela avermellada, ventre dende laranxa ate vermella con manchas negras nos laterais.
Aliméntase tanto de larvas de insectos acuáticos como terrestres, podendo incluír na súa dieta ovos e larvas de urodelos propios como de outra especie.
Hábitat: Un anfibio moi dependente da auga, xa sexan fontes, pozas de auga,píos, regatos e ríos sempre nas zonas de corrente lenta. Nos invernos son máis difíciles de ver xa que se esconden baixo de troncos caídos, das pedras, metidos en gretas dos muros ou as veces baixo cascallos.
Curiosidades: Ao igual que o resto de Limpafontes ten a cola de sección aplanada lateralmente, co cal pode nadar moi ben, sen crista caudal.
Ameazas: A contaminación das zonas de reprodución e os desecamentos de regatos, fontes e charcas onde habita, así como a introdución de especies invasoras.


Limpafontes palmado
Lissotriton helveticus
Tritón palmeado









Especie: De tamaño e costumes similares ao Limpafontes común. Cor café con leite con manchas irregulares negras, ventre de cor amarelo ou laranxa claro, ten un anteface que vai dende o fociño ate a parte traseira da cabeza.
Hábitat: Podemos atopar esta especie en lagoas, charcas, encoros, pozos …, gusta de diferentes masas de auga, sempre que sexan estancadas ou de corrente moi lenta, tolera ben augas turbias, non precisa que as augas sexan totalmente limpas.
Curiosidades: Unicamente son os machos o que teñen as patas palmeadas en época de celo, e deso recolle o nome esta especie. Cola con crista caudal, de sección aplanada lateralmente.
Algo máis diúrno que o Limpafontes común. Aliméntase de larvas de insectos acuáticos ou mesmo dos insectos adultos.
Ameazas: A contaminación e alteración de charcas e masas de auga das que tanto depende para a reprodución e o desenrolo das larvas, así como a introdución de especies invasoras.



Limpafontes verde
Triturus marmoratus
Tritón jaspeado


Especie: É o máis grande dos nosos tritóns, inconfundible polo súa cor verde xaspeada de negro, coa zona ventral gris escura con pintas negras, as femias dun cor verde máis vivo e unha liña vertebral laranxa.
Hábitat: Podémolo atopar en augas estancadas como charcas, pozos ou incluso en bosques sombríos sen masas de auga. Posiblemente sexa o mais terrestre dos nosos tritóns.
Curiosidades: Durante a época de celo nos machos apréciase unha gran crista dorsal e caudal. Aliméntase de larvas de insectos, oligoquetos, caracois e lesmas aínda que tampouco desprezan ovos e cagados doutros anfibios.
Ameazas: Desecamento de zonas húmidas, contaminación, a introdución de fauna alóctona e a transformación e deterioro de zonas de cría.



Supersticións 

Existen supersticións que dan mala fama sobre todo ás píntegas: “que se teñen resistencia ao lume”, ou incluso “que saen do propio lume” , como se de seres infernais se tratara.
A maiores se lles adxudica un terrible veleno ou “pezoña”, que non teñen, e que incluso “cho poden transmitir a distancia mediante un aire” que te pode contaxiar todo tipo de doenzas. Para contrarrestar estes posibles perigos fóronse inventando unha serie de prácticas, ensalmos e amuletos que nos poden defender destes animais clasificados como maléficos, cando do que se trata é dunhas especies moi beneficiosas para o equilibrio dos ecosistemas acuáticos e boscosos.
Si é certo, que algunhas especies de anfibios dispoñen de glándulas cutáneas que poden exudar, cando se lles molesta, substancias irritantes, sobre todo para as mucosas (ollos, boca,..), que utilizan a modo de defensa para poder escapar dalgún depredador. Por iso, se tiveramos que manipulalos, no caso dalgún estudo, logo débense lavar moi ben as mans para evitar problemas de lixeiras alerxias. O correcto é non molestalos, e se queremos ter un recordo deles, fotografalos e deixalos ir ao seu.
A píntega ten unha coloración que advirte de que pode ser velenosa (na natureza certas combinacións de cores vivos advirten da posibilidade de ser velenoso) o que lle dá certa protección visual ante posibles depredadores que lles avisa dun bocado pouco apetecible.
Non obstante os depredadores naturais dos anfibios son as cobras, algún mustélido, aves acuáticas... Outros posibles depredadores como os raposos, gatos e cans, todos eles en estado xuvenil (con pouca experiencia), poden tratar de atrapar algunha píntega adulta. Entón entre o sabor pouco apetecible e o efecto irritante, o cospen rapidamente e aprenden a rexeitalos. No ser humano, agás das posibles irritacións xa mencionadas ou algún problema que se poida dar por alerxia, o veleno dos anfibios non é perigoso.
Nos queda o caso dos limpafontes (tritóns), anfibios urodelos que algunhas persoas descoñecen e metenas no mesmo saco que a píntega, adxudicándolle tamén todas as inxustas propiedades descritas. Pode influír neste rexeitamento a mala interpretación dun dos nomes populares, “pintafontes”, pensando que contaminan as fontes e pozas onde viven. A realidade é todo o contrario por iso, se utilizamos o outro nome popular “limpafontes” a cousa cambia. Témoslle escoitado a xente dicir “se lles chaman limpafontes, malos non serán...”. Por exemplo axudan a controlar o exceso de larvas de mosquitos nas augas onde habitan.
A ignorancia e o rexeitamento ancestral fai que todos estes anfibios urodelos (con cola) os chamen “sabandixas” e sobre todo a xente maior coñecedora e transmisora das supersticións que aquí mencionamos, traten de matalos pois os consideran “alimañas prexudiciais” que hai que erradicar. Para comprobar a persecución á que se someten estes marabillosos espécimes só tendes que facer unha busca da palabra “sabandixa, sabanduxa ou sabandija”, na R.A.E vos atopades coa seguinte definición: “Reptil pequeño o insecto, especialmente de los perjudiciales y molestos...”, “Figuradamente.- Persona despreciable”.
Pensamos que o verdadeiramente desprezable é que a nivel do que é a Educación Ambiental deste pais non se lograra desbancar todas estas crenzas que veñen de antigo e que deberon de quedar no caixón dos mitos, supersticións e lendas.

Vémonos no monte.



26 jul 2014

RUTA DAS MINAS

RUTA DAS MINAS DOS CARRIS



No mes de maio decidimos pasar o dia das letras galegas percorrendo os camiños da fronteira , entre os parques do Xures (Galiza) e  PNDPG ou Gerês (Portugal).
O sabado achegamonos ata a fronteira de Portela de Homen , onde deixamos os coches e comenzamos a camiñar pola Mata de albergaria na procura do camiño que utilizaban os mineros para baixar o mineral que extraian do fondo da terra na Mina dos Carris.
Compre facer o camiño  amodiño para ir pouco a pouco observando todo o que nos rodea e asi atopamos un exempla runico:
 


Iris boissieri.
un lirio endemico de galicia
Considerado en perigro de extincion no catalogo galego de expecies ameazadas .

 



Polo camiño que ascende polo beira dereita do rio Homen  tamen temos ocasion de  ver pegadas deixadas pola glaciacion nas rochas do rio e nas ladeiras rochosa que nos rodean


Tamense pode observar como o bosque vai mudando comforme imos ganando altura ata chegar o planalto onde hay pasteiros, aproveitados polas vacas cachenas , e por fin  o poboado da mina



Despois de descamsar un rato e comer para recuperar folgos decidimos visitar o e pequeno encoro que abastecia de auga a mina e ir na procura do paso para baixar cara a española  Mina das Sombras  que se atopa debaixo do Altar dos Cabrós situado o oeste da lagoa. Pronto topariamos cos postes que marcan a linea fronteiriza  e preto deles damos cunha pequena braña moi interesante . A braña estaba ocupada por "Zapateiros" , cagados de triton,cagados de salamanquesa e colonizada por unha fermosa prantiña carnivora  que os galegos denonimanos "ORBALLIÑA" , tratase da Drosera rotundifolia.  Para nos todo un achedego pois levavamos ven tempo atras dela.
ORBALLIÑA

 Continuamos o noso descenso cara o collado onde tiña que estar a baixada ata que nos damos conta de que estamos perdidos e decidimos esperar por un grupo que ven un pouco mais atras para preguntarlles. Cando nos alcanzan estan tan perdidos coma nos polo que aunamos forzas e despois de comfrontar os mapas portugueses deles cos españois nosos decidimos seguir un pouco mais o norte e baixar cara unha pista que se ve o fondo.
A baixada non e doada porque o denivel e importante e imos monte a traves saltando de pedra empedra coa vexetacion a altura das rodillas.



Despois de 45eternos minutos de loita alcanzamos o camiño e os portugueses tiran a dereita cara a Vilamea e nos a esquerda cara a Portela de Homen . Son as 8 da tarde e os meus conpañeiros pensan que estamos preto dos coches pero ainda quedan 11km de pista que iniciamos  a bo paso.
Polo camiño atopamonos cunha culebra que toma as ultimas raiolas de sol no medio da pista
Pouco a pouco vaise facendo a noite e o espectaculo dunceo limpo e estrelado e unico.
Porfin chegamos a estrada e so quedan 500m para chegar os coches e rematar a nosa aventura.
Imos cara Lobios  o Hotel  Lusitano onde nos estan esperando e ,a pesares de chegar as 11:30 da noite nos preparan unha maravillosa cea.
Moitas grazas o persoal do Lusitano onde sempre nos tratan moi ben .  www.lusitanohotel.com

Aqui remata a nosa aventura  e aqui vos deixo mais fotos:



























21 jul 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS


RASTROS E PEGADAS


Non sempre que saímos ao campo é posible ver os animais que imos buscando, pero si nos fixamos ben por onde imos, solemos atopar indicios que nos indican que por eses lugares pasan eses animais. As pistas están en forma de pegadas, excrementos, restos de comida, comedeiros, sendas por fincas de herba, fozadas na terra, tobos, incluso algunha vez algúns restos óseos.

Todos estes rastros son de gran valor para as persoas que gozamos coa natureza, pois grazas a elas, podemos saber que zonas son interesantes para poder observar certos animais, xa que moitos ocupan unha extensión grande de terreo que marcan e vixían con frecuencia, co cal temos a oportunidade, nalgún momento, de chegar a velos en liberdade.


Pegadas: podemos atopalas de diferentes formas e tamaños,
 co cal é moi recomendable tanto debuxalas
coma facer moldes con escaiola, e na casa con calma comprobar en internet, xa que hai bastante xente que comparte información para a identificación, pois non é tan doado como aparece nalgunhas guías, nin as pegadas son tan perfectas como aí as representan xa que dependendo do lugar onde se atopen quedan dun xeito ou doutro. Con gañas e un pouco de paciencia podemos chegar a facermos cunha xeitosa información
.






 Plumas:
Acontece o mesmo que coas pegadas. Botando unha ollada aos sitios axeitados podemos recoller plumas caídas que pouco aportan á natureza e son de fácil conservación. Cada ave ten diferentes tipos de plumas e diferentes debuxos nas mesmas. Tamén poden variar segundo sexan das ás, da cola ou do peito. O mesmo acontece en moitas das especies en que existen diferenzas entre o macho e a femia. A maioría proceden das mudas que fan de forma natural, outras lles caen nas pelexas. Incluso cando un ave morre podemos facernos con algunha.










Comedeiros, por exemplo o tordo acostuma a ir sempre ao mesmo lugar a romper os caracois dos que se alimenta, co cal, cando vemos un sitio duro onde hai restos de caracois rotos, sabemos que é o lugar que acostuma utilizar o tordo para escachar os caracois que captura e eliminarlle a casca que non come. Con paciencia e escondidos podemos chegar a velo “en faena”.















Excrementos: moitos animais utilizan os seus excrementos como marcas territoriais. Cada un deles deposítaos en lugares estratéxicos como aviso e marca dos seus dominios.
Outros non, simplemente quedan onde cadre que estea nese momento.
Os excrementos de cada especie teñen unha forma diferente, por exemplo nos herbívoros teñen formas máis redondeadas podendo verse restos de herba. Os dos carnívoros soen ser máis longos e rematados nunha punta. No caso dos roedores son de forma cilíndrica e tamén poden aparecer restos de insectos neles.












Restos de comida:
Unha pista do posible paso de animais son os restos de sementes, froitos, herbas ou bulbos arrancados da terra. Cando pasamos preto de froiteiras é posible atopar algún froito no chan mordido ou peteirado. O primeiro que nos preguntarnos é se esas marcas que quedan no froito son dun paxaro, un roedor ou outro animal. Hai que ter en conta que un paxaro non deixa marcas de dentes. Os paxaros sacan bocados peteirando a froita deixando como si fosen pequenos buratos, mentres que os roedores soen deixar uns sucos estreitos onde se aprecian as marcas deixadas polos dentes.
Cando pasemos onde hai nogueiras, castiñeiros, abeleiras, carballos, ou plantacións de millo e centeo é moi posible que atopemos restos de froitos mordidos.


Restos óseos: está claro que os animais teñen que morrer polo motivo que sexa, pero non resulta doado atopar de forma natural os seus restos. Temos que pensar que están formados de calcio e moitos animais os poden morder para aproveitalos, incluso poden estar cubertos por terra e por plantas co que resulta máis difíciles de dar con eles. Algúns ósos como os dos micro mamíferos pódense descubrir dentro das egagrópilas, que son os restos que non poden dixerir e regurxitan sobre todo as rapaces.














Tamén atoparemos rastros na natureza que son moi desagradables. Referímonos ás pistas deixadas polas persoas. Non atoparemos un sitio na natureza, por escondido que estea, sen eses residuos, ou dito doutro xeito sen lixo. 

O ideal é que apenas se note o noso paso polo entorno natural. Se te moves con respecto na natureza, vas
ser un elemento máis da mesma na que te poderás integrar e fundir, e seguro que só con ese respecto extremo o libro da vida que te rodea irase abrindo e te deixará compartir os seu secretos mellor gardados.







 
Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.

20 jul 2014

XULLO NO VAL DO LERÉZ




 CAMIÑANDO POLO VAL DO LERÉZ



Parece que chega o vran e toca despedir a tempada de sendeiros e rutas e ,como non podia ser de outra maneira , imos a facelo disfrutando dunha xornada percorrendo o noso querido Val Do Leréz .



A nosa aventura comezara as 9:30 h no pavillon dos deportes onde botaremos as mochilas o lombo para ir cara o rio.
Camiñaremos pola beira dereita do leréz na busca dun paso onde atravesar as suas augas para probar a sensacion de ir pola outra beira.
O pouco rato voltaremos a beira dereita e continuaremos ata As pontes de Bora para ver a desembocadura do Rio Almofrei . Logo subirmos pola beira do Almofrei ata o lugar de Portamuiños na procura dun lugar para comer e darnos un baño no rio.
Pola tarde retornaremos as beiras do Leréz para ir paseniñamente descubrindo as Aceñas, Cons,os muiños do Radabouxo e outros paraxes do val do leréz.



Data : 27de xullo do 2014
Material necesario: Bastons , botas, comida,auga ( non hay fontes no percorrido), toalla e bañador ( so para os valentes)
Custe da actividade: De valde
prazo de inscripcion ata o venres dia 25/07/14 as 22:00h  no correo andarinsdovaldolerez@gmail.com

11 jul 2014

ESTUDOS DOS ANDARINS

 
 
Animais que están a desaparecer

Aves II






Escribenta das canaveiras

Emberiza schoeniclus
Escribano palustre


Descrición: A escribenta das canaveiras e unha ave de mediano tamaño que presenta unha plumaxe dominada polos tons pardos e acastañados no dorso e abrancazados con algunhas listas no ventre.
O macho co plumaxe nupcial loce a garganta e a cabeza dun intenso cor negro, así como un colar e unha bigoteira brancos. Nesa época, tamén a cabeza e o peito da femia tenden a escurecer, aínda que carecen do colar branco.
Ten unha lonxitude de (15-16,5 cm) e unha envergadura de (21-28 cm).

Hábitat: elixe case exclusivamente zonas palustres con abundante vexetación preferentemente de carrizas, aínda que adoita desprazarse a campos abertos próximos as zonas húmidas e bordos de cultivo para alimentarse de sementes. Prefire carrizais pouco densos, con pouca auga superficial, onde se reúne en dormitorios durante o inverno.

Canto: Frecuentemente emite un “tsiiu “suave e algo melancólico cando se move entre a vexetación. O canto é unha estrofa rápida stri-i-i-pp e un trino lento e indeciso, tip, tirip, stirip.

Alimentación: A maior parte do ano aliméntase de sementes de diversas plantas. No período reprodutor, como sucede con outros granívoros, incorpora á dieta diferentes invertebrados, sobre todo insectos, que constitúen ademais o alimento básico dos seus polos.

Ameazas: A escribenta das canaveiras é un dos nosos paseriformes máis raros e ameazados, pois vense minguar as súas poboacións nos últimos tempos. Durante o inverno, con todo, recibimos exemplares procedentes de Europa, aínda que o seu número tamén representa un descenso. A desaparición ou alteración dos espazos húmidos e os problemas derivados da intensificación agrícola parecen estar detrás dista situación.

Niño: A reprodución comeza a principios de maio coa selección de zonas de carrizas apropiadas. O niño constrúeo a femia entrelazando fragmentos de diferentes plantas, brións, plumas e pelo para formar unha cunca que coloca na base da vexetación palustre, como carrizos ou xuncos. As veces, pode seleccionar un emprazamento a certa altura, entre as pólas dalgún salgueiro.













Merlo rieiro
Cinclus cinclus
Mirlo acuatico


Descrición: Esta ave de mediano tamaño, coa cola curta e as ás mais ben pequenas, posúe un corpo repoludo e compacto que lle outorga un aspecto característico. Na súa plumaxe dominan os tons pardos moi escuros, case negros no dorso, que dan paso a outros de cor chocolate na cabeza, o pescozo e o ventre. Loce un rechamante babeiro branco que se estende ata o peito. As patas son curtas e robustas e o pico é fino en forma de daga. 

Este merlo ten unha lonxitude de (17-20 cm) e unha envergadura de (25-30 cm).
De carácter nervioso, esta ave voa rapidamente sobre a superficie da auga e móvese con soltura entre as pedras do río antes de lanzarse a mergullarse. Cando está pousada adoita mostrarse inqueda, levantando a cola e realizando continuas flexións coas patas.

Hábitat: A especie restrínxese a cursos de auga pouco alterados, así como de profundidade escasa, que permita o afloramento de pedras no curso do río cunha boa calidade da auga que posibilite a presenza de ricas poboacións de invertebrados acuáticos.
O entorno debe ser o máis natural posible, aínda que pode soportar unha presenza moderada de transeúntes e actividades humanas.

Alimentación: É un especialista no consumo de invertebrados acuáticos, particularmente larvas de efémeras, moscas das pedras, libélulas e escaravellos acuáticos, aínda que tamén inxire outros insectos, moluscos e pequenos crustáceos.
Para capturar o seu alimento, busca de forma moi activa, ben mergullándose por completo ou ben sen mergullarse completamente baixo as pedras e entre as algas. Realiza frecuentes e continuas inmersións de poucos segundos, entre 5 e 10 por minuto.

Niño: Os dous membros da parella entréganse á construción dun niño esférico ben rematado, realizado a base de brións e herba, que ocultan aproveitando ocos e fisuras entre as rochas ou baixo troncos e pontes, polas marxes do río. Tamén aceptan sen dificultade as caixas niño para reproducirse. Habitualmente pode existir unha segunda posta.








Moucho de orellas

Otus scops
Autillo europeo

Descrición: A mais pequena das nosas rapaces nocturnas de lonxitude (19-21 cm) e envergadura (47-54 cm). Ave que pasa moi desapercibida polo excelente camuflaxe que lle proporciona a súa plumaxe, confundíndose moi ben cos troncos das árbores sendo moi difícil de ver, pero fácil de escoitar na primavera e verán xa que ten un característico canto un “tiuu” ou “kiuu” afrautado, que soe repetir cada 2 ou 3 segundos, pola tarde cedo, aínda sendo dia. Posúe unhas plumas facéndolle unha forma de orellas que son o que lle da nome.

Hábitat: De carácter forestal, aínda que prefire formacións arbóreas non moi densas como bosques de ribeira, parques , carballeiras e piñeirais abertos.
Aniña en buratos das arbores, niños de peto, niños de córvidos, as veces en paredes, e construcións humanas e acepta moi ben as caixas niño.

Alimentación: A súa dieta componse principalmente por invertebrados (bolboretas, grilos, saltóns,etc), aínda que as veces tamén captura pequenos vertebrados (roedores, aves, réptiles).
Temos que saber que se trata de un migrador transahariano, polo que so o escoitaremos dende principios de primavera.

Ameazas: O moucho de orellas aparece como ”De especial interés ” no catalogo nacional de especies ameazadas. Os principais problemas de conservación que sufre esta rapaz devense a alteración do hábitat, perda de soutos fluviais e arbores vellos, expansión urbanística, os incendios forestais e o emprego de sustancias tóxicas na agricultura o que fai que teña unha gran diminución de insectos sendo estes as súas presas. 



 
Andoriña de cu branco

Delichon urbicum
Avión común

Descrición: Pequena andoriña de aspecto compacto, lonxitude de (14 cm), envergadura (28 cm), negro azulada brillante por arriba e branca por abaixo. Posúe ás longas e apuntadas, cola curta e gallada de cor negra; pico curto, plano e negro; boca moi ancha, e patas curtas cubertas de finas plumas brancas.
Este paxaro adoita observarse en voo e agrupado. O seu voo é rápido e áxil, aínda que menos co da andoriña común, e a miúdo voa a maior altura que esta. Póusase con frecuencia, ás veces no chan.

Alimentación: A súa dieta está baseada por insectos voadores de pequeno tamaño. As presas máis consumidas son moscas, mosquitos e pulgón. A técnica de captura consiste en voos acrobáticos de persecución en grupo, os cales se producen a unha altura intermedia entre a utilizada pola andoriña común (zona baixa) e os Cirrios (zona alta). Normalmente non caza a máis de dous quilómetros do niño.
Especie migradora e estival. En inverno, as aves desprázanse ao golfo de Guinea, no oeste de África, regresando despois a partir de febreiro.

Niño: A súa especialización no medio aéreo fai que este paxaro sexa moi independente do hábitat, agás para instalar o niño. Faino en pobos, presas, pontes, coa maioría dos seus niños situados en vivendas, habitando con éxito mesmo nas grandes cidades. Constrúe colonias de niños pegados aos edificios. Nalgúns lugares segue criando no seu hábitat orixinal, nos rochedos. Adoita durmir no niño, ás veces de modo comunal, e pode pasar a noite en voo.

Ameazas: Aínda que non é unha especie ameazada si se esta a notar unha diminución de parellas entre nós. Non sofre ameazas de importancia. Entre os posibles problemas citase o uso indiscriminado de plaguicidas, a eliminación deliberada de niños coa escusa de que ensucian edificios, a contaminación atmosférica urbana, así como a dificultade para nidificar en cidades polas novas técnicas de construción e a escaseza de lugares húmidos e charcas onde encontrar barro para o niño. No Catálogo Nacional de Especies Ameazadas aparece como "De especial interés".





Traballo feito por Juan Ramón e Amancio Castro da Asociación Andaríns do Val do Lérez.